19/10/11

Defensa do ensino público



Síntome orgulloso de poder dicir que sempre estudei no ensino público, o que me deu a posibilidade de realizar os meus estudos. Grazas a que puiden estudar no ensino público son Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela. Fixen os estudos de Primaria no Colexio Público de Casás (Lugo) e os de Secundaria e Bacharelato no IES Manuel Leiras Pulpeiro de Lugo. E como digo sempre, eu se teño fillos gustaríame que poidan estudar no ensino público.

Por iso, considero que é necesario denunciar os ataques que está a sufrir o ensino por parte do PP, para que a cidadanía se dea conta de que o que nos estamos xogando vai máis aló da economía, xa que o que realmente supoñen estes recortes é a redución de calidade no ensino público, ao ter menos profesores, e o incremento do fracaso escolar que leva aparellado.

Estas políticas restritivas en gasto educativo buscan a deterioración do dereito fundamental de formarse ao longo de toda a vida, que só garante o ensino público. Os recortes que se están producindo nestes momentos, nalgunhas comunidades autónomas, minguarán a equidade e a calidade do ensino.

Agora máis que nunca a loita contra o fracaso e o abandono escolar debe ser o obxectivo prioritario. Sen investimento en educación non haberá avance posible. De non ser así a calidade do ensino sufrirá un gravísimo deterioro, e por ende, o futuro da nosa sociedade.

Só con máis educación sairemos da crise xa que a máis ensino máis posibilidades de atopar un mellor emprego e avanzar. Algo do que non se decatou o PP que recortou, entre outros, 3.500 profesores en Madrid ou 1.100 en Valencia. Todo un exemplo do que nos espera se goberna Rajoy.

Cada euro que se recorta no ensino público é un euro menos que se invirte no noso futuro, o de todos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.